rúa Antonio Garelly_posiblemente a "casa do patín" máis auténtica que se pode encontrar na vila. . |
O que nun tempo foi a tipoloxía de vivenda máis repetida da vila, a día de hoxe é case unha excepción. Trátase da chamada “Casa do Patín”, un tipo de casa mariñeira de estética moi particular e característica das Rías Baixas, e sobre todo de Cangas.
Durante séculos, a imaxe da vila foi quen de manterse auténtica, o número de casas aumentaba pero se mantiña a escala do conxunto e os elementos. Os materiais e as formas encaixaban, podían aparecer construcións novas de estilo distinto de aires máis nobres que non desentoaban co resto, con máis ou menos pretensións había un equilibrio xeral. Logo, unha serie de despropósitos coincidentes no tempo tirou pola borda un conxunto tradicional feito durante séculos por decenas de xeracións e milleiros de persoas que sen intencións máis alá da supervivencia, repetían con pequenas modificacións en cada caso a tipoloxía construtiva que marcaba a tradición. Pero este equilibrio do conxunto histórico de Cangas rompeuse nos anos 60 e 70, a consecuencia, como falábamos antes, de varios factores simultáneos, como case sempre que se produce un gran cambio:
-Económicos: España, despois de estar sumida na pobreza nas primeiras décadas da posguerra, empeza a levantar cabeza e experimenta un pequeno auxe económico nestes anos, axudado tamén pola emigración, as familias crecen e amplían ou fan novas vivendas de maneira descontrolada.
-Sociais-Laborais: grande impulso da industria, sobre todo en Vigo, e como consecuencia en Cangas. Moita xente abandona o traballo do mar e a relación coas construcións e as súas formas trocan drásticamente. Quizais este sexa o factor diferencial entre Cangas e outras poboacións como Muros ou Combarro, mellor conservadas.
-Legais: hoxe en día existen leis que protexen o patrimonio, normas que regulan o crecemento urbán e funcionarios que se encargan de que se cumpran, pero neses anos, por ausencia u omisión, permitíase practicamente todo, e a falta de control derivou nun crecemento abusivo e incontrolado.¿Como se puido permitir desprazar a Capela do Hospital?
-Construtivos: a irrupción de materias como o fibrocemento [uralita] ou o ladrillo industrial, fixo moito dano, xa que permitía a construción rápida e barata, un caramelo para as familias dese tempo que pretendían realizar algunha obra nova ou reforma.
-Cultural: hai que entender que neses anos a educación e a cultura non chegaba a todo o mundo, a xente preocupábase por sobrevivir, e non tiña a conciencia suficiente para conservar pezas arquitectónicas de valor. Aínda hoxe, moita xente con máis educación pero xusta de sensibilidade non lle da o mérito suficiente, que a nivel individual é bastante pero en conxunto é incalculable.
Poñámonos no caso dunha familia calquera, na que o home, canso de ir ó mar, vai traballar algunha fábrica dos arredores. Ela xa levaba anos na conserva, e acaban de ter o seu cuarto fillo. A pequena casa con patín que herdaron dos pais xa vai quedando insuficiente, como económicamente van tirando pensan ampliala. Desta maneira deciden comprar a humilde casa térrea que teñen pegada e así xuntar as dúas para facer unha máis grande. Tiran con todo sen ningún tipo de problema, e levantan unha casa nova de ladrillo e azulexo ben bonito na fachada entre o home e un amigo que traballa de albanel. ¿Arquitecto? ¿para que?, ¿permisos? ¿para que?, ¿o patín?...estorba !! E así, de forma parecida, familia tras familia ser saber e darse conta de que entre todos estaban a destruír o patrimonio máis trascendente da vila, a súa historia.
actual oficina de rehabilitación na rúa Benigno Soage |
En fin, A Casa do Patín:
A esta tipoloxía dalle nome o seu elemento máis característico: o patín, que non é máis que unha escaleira que da acceso polo exterior ó primeiro andar. Sitúase na fachada, a maioría das veces paralelo a ela, cun ancho entre 0.90 e 1.20 m. Soe ter tamén un único tramo, en ocasións dous, e unha plataforma horizontal xusto no acceso á vivenda chamado patamal, que en moitas ocasións vai cuberto cunha prolongación do propio tellado da casa.
O patín tiña moitas funcións máis alá de dar acceso á vivenda, servía como lugar de traballo onde se cosía ou secaban as redes, como lugar de socialización e reunión para falar, ou mesmo para tomar o sol. A parte baixa do patín usábase xeralmente como entrada ó baixo da casa e como galiñeiro ou almacén.
Neste tipo de construción, a vivenda encóntrase no primeiro andar, cunha serie de estancias medianas como dormitorios, sala e cociña. Mentres, a planta térrea facía as funcións de adega, onde se gardaban as artes de pesca e en moitas ocasións criaban galiñas ou porcos. O acceso a esta planta estaba ó nivel da rúa, ben por unha porta baixo o patín ou no muro da casa.
axonometría dunha "casa do patín"_sacada do libro "A casa mariñeira en Cangas e arredores" páx. 69, Francisco Mallo Lagoa. |
Ata o século XVII, o patín era prácticamente exclusivo das familias adiñeiradas, pero no XVIII experiméntase no pobo un grande auxe destas vivendas, que xurdían como ampliacións de construcción preexistentes. Estas obras foron en moitas ocasións motivo de pleitos entre veciños, xa que invadían a vía pública, sobre todo dificultaban o paso dos carros e as procesións.
Aínda que na actualidade vemos case tódalas construcións tradicionais coa pedra vista, no seu día os seus muros estaban recubertos de cal ou barro caleado, xa que servía de protección, polo que a imaxe do pobo sería totalmente blanca.
Aínda que na actualidade vemos case tódalas construcións tradicionais coa pedra vista, no seu día os seus muros estaban recubertos de cal ou barro caleado, xa que servía de protección, polo que a imaxe do pobo sería totalmente blanca.
rúa Antonio Garelly_este exemplo aínda conserva a cal nos muros. |
rúa Félix Soage |
rúa Benigno Soage_patín alto con patamal cuberto. |
barrio do Outeiro_recentemente rehabilitada, antigamente os seus muros
estaban encalados e non estaba o patamal cuberto.
|
praza do Progreso |
rúa Cega |
rúa do Lirio_esta posiblemente era a rúa con máis cantidade de "casas do patín", de feito chamábanlle "a rúa dós patíns", actualmente hai tres. |
rúa Fonte Ferreira |
rúa san José |
rúa san José_dúas casas con patín perpendicular á fachada en proceso de rehabilitación. |
rúa Manuel Graña_magnífico exemplo de patín con patamal cuberto coa prolongación do tellado e arranque de peitoril decorativo. |
rúa san José_o mellor exemplo de rehabilitación do casco vello, a arquitectura tradicional e moderna encaixan perfectamente, deixando evidencias do antigo e do novo. |
No hay comentarios:
Publicar un comentario